O goberno local inicia os traballos para adaptar as praias á tempada de verán

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 21/05/2018 - 08:41 / Etiquetas: concello da coruña, Playas Coruña

 

O Concello da Coruña inicia hoxe os traballos de preparación e adaptación das praias urbanas de cara ao inicio da tempada de verán. A actuación, que se estenderá ao longo de dúas semanas, consistirá no cambio de perfil que teñen todos os areais coruñeses en inverno, en especial o de Riazor, no que se eliminará a duna que protexe o Paseo Marítimo dos temporais que afectan ao litoral no inverno e na primavera.

Os traballos, que se acometerán a partir deste luns aproveitando as mareas baixas, eliminarán os posibles desniveis ou fochas producidas durante o inverno polo mar, para favorecer así o uso seguro dos areais por parte da veciñanza, que poderá acceder aos mesmos unha vez finalice a adaptación. Na intervención, que comezará pola mesma praia de Riazor, participarán un equipo de cinco persoas que contará con 3 bulldozers e 1 tractor.

A Concellería de Medio Ambiente lembra que a actuación habitual do servizo de limpeza en todas as praias durante o verán retomaranse tamén despois dos traballos de adaptación dos areais. A titular deste departamento, María García, salienta a importancia de manter en bo estado as praias da cidade, e recorda que este ano as cinco praias urbanas da cidade conten coa distinción da bandeira azul, que recupera esta tempada o areal de Oza, despois dos traballos para a eliminación de puntos de vertedura desenvolvidos polo Concello desde a súa chegada, tras perder aquela distinción no ano 2014 polos resultados desfavorables das analíticas realizadas ás súas augas.