O goberno local leva a Pleno unha moción que insta ao Executivo central a dar cumprimento ao Pacto de Estado contra as violencias machistas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 23/04/2018 - 15:26 / Etiquetas: concello da coruña, pleno coruña

 

O goberno local levará ao próximo Pleno ordinario unha moción na que insta ao executivo central a dar cumprimentos aos compromisos acadados dentro do Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero. Esta iniciativa parte dos acordos acadados polos concellos que a principios de mes participaron en Madrid no Foro de Municipios polo Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero, que reclamaban a necesidade de que “as administracións locais reciban a axuda e as ferramentas necesarias para poder dar respostas á cidadanía”. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, manifestou que “a moción, que presentamos de acordo con outros municipios como Madrid, Barcelona, Málaga, Bilbao, Salobreña, Sevilla ou Valencia, reivindica o compromiso das entidades locais coa loita contra ás diversas manifestacións da violencia machistas, e solicita ao goberno central que cumpra os seus xa escasos compromisos”. A edil salientou, ao fío, “o despropósito que supón o proxecto de orzamentos do Estado, que non cumpre co acordado”. De feito, o Pacto de Estado, que establece vías directas de financiamento coas administracións locais, prevé que os presupostos xerais destinen por esta vía un incremento anual de 20 millóns de euros aos concellos durante os próximos cinco exercicios, algo que non se recolle no proxecto orzamentario para este ano. “Esta é unha das medidas que reclamamos na moción, así como a modificación da lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, de forma que a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención das violencias machistas sexa unha competencia municipal que non poida estar suxeita a recortes nin contencións”, explicou Fraga.

A moción tamén reivindica “a presentación dos proxectos de lei necesarios para acometer as reformas lexislativas contempladas no Pacto de Estado”, así como a adopción de medidas lexislativas e da índole que fose necesaria para garantir a estabilidade e cualificación dos cadros de persoal que prestan servizos de atención ás violencias machistas no ámbito municipal, “de xeito que contemos con profesionais especializadas neste ámbito, contratadas en igualdade de condicións con respecto ao persoal funcionario”.

Por último, a moción tamén recolle a necesidade de establecer “un acordo sobre estándares mínimos para a atención integral municipal ás vítimas das violencias machistas, que leve aparellado un estudo de custos por poboacón de cara a súa efectiva implantación, co fin de garantir unha resposta adecuada a todas as vítimas da violencia, con independencia do seu lugar de residencia”.