O goberno local levará a Pleno a incorporación no orzamento do IMCE os remanentes do pasado ano

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 10/09/2018 - 09:38 / Etiquetas: concello da coruña

O goberno local levará ao Pleno da Corporación municipal a aprobación dun expediente de modificación do orzamento do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) para ingresar 935.000 euros procedentes dos remanentes do pasado ano. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento volve a tratar este asunto no Pleno tras o acordo acadado co grupo municipal do PSOE para a súa aprobación, despois de que o departamento facilitase tanto información detallada sobre o destino dos remanentes como tamén de seguimento sobre os proxectos postos en marcha ou xa finalizados dentro do ámbito da concellería e que foran acordados cos socialistas na negociación dos orzamentos. Sobre estes proxectos engadíronse dúas novas propostas vinculadas a espazos culturais da cidade.

A incorporación de remanentes permite destinar distintos suplementos de crédito para actividades culturais en diferentes recintos municipais, así como outras accións relacionadas coa programación cultural ou o aluguer de maquinaria e utillaxe. Tal e como explica o edil de Culturas, José Manuel Sande, "trátase dun trámite administrativo regular e rutinario que se fai en todos os exercicios económicos e que permite ao IMCE manter moitos proxectos de dinamización e xestión cultural, dende as festas nos barrios, as subvencións para iniciativas culturais ou a programación dos espazos municipais".