O Goberno local levará unha moción ao pleno para instar ao executivo central a garantir a actualización das pensións

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 20/02/2018 - 14:44 / Etiquetas: pleno coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse este martes con representantes do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen), nunha xuntanza na que lles adiantou a intención do goberno local de levar ao próximo Pleno municipal unha moción que busca “instar ao executivo central a que garanta a actualización das pensións de acordo co incremento real do IPC”, así como amosar o rexeitamento da corporación municipal ao feito de que o aumento das pensións para o exercicio 2018 non fose parella ao aumento do coste da vida. A inicitiva do grupo de goberno tamén solicita que as pensións públicas vaian a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado e as mínimas se incrementen e se equiparen co Salario Mínimo Interprofesional. Do mesmo xeito, e de acordo coas reclamacións do colectivo de persoas pensionistas, a moción pide a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, “xa que as súas consecuencias, nefastas para a calidade do emprego, poñen en risco a sustentabilidade e o futuro das pensións”. A moción elaborada polo grupo de goberno tamén reclama a prohibión, por lei, da libre disposición do Fondo de Reserva da Pensións para situacións de déficit de cotizacións.

Ferreiro aproveitou o encontro cos medios posterior á reunión para convidar a toda a cidadanía a acudir á mobilización prevista por este colectivo para este xoves, 22 de febreiro, que na Coruña terá lugar no Obelisco as 12.00 horas. “A moción que presentaremos tamén busca que o Pleno apoie de forma pública todas as mobilizacións que se convoquen en contra da precarización e a perda de poder adquisitivo dos e das pensionistas”, sinalou.

O alcalde, na súa comparecencia, comentou numerosos indicadores que evidencian o empobrecemento que sofre o colectivo de pensionistas, como os datos do INE, que indican que Galicia é a comunidade máis envellecida do Estado e na cidade da Coruña o colectivo de persoas maiores de 64 anos supón o 24% da poboación, e fixo fincapé no “papel que tiveron que asumir moitas persoas maiores no medio da crise”. Así, aludiu á Enquisa de Condicións de Vida de 2016 que amosa que aproximadamente o 29,5% das familias teñen a súa principal fonte de ingresos na pensión dunha persoa xubilada. “Neste contexto, a actualización das pensións nun 0,25% tan só se traduce, un ano máis, nunha perda de poder adquisitivo”, dixo, á vez que puxo de relevo “a fenda de xénero que tamén se produce coas pensións”. Segundo datos do IGE, as mulleres pensionistas galegas cobraban a finais de 2016, unha medida de 740,73 euros ao mes, fronte aos 1.018,67 euros dos varóns, o que supón unha diferenza de ingresos do 27,01%.

Pola súa banda, o secretario de Modepen, Gonzalo Balo, salientou que “a suba do 0,25% actualizada polo goberno central é un insulto aos pensonistas”. “Este é un problema de todos, xa que, como dixo o alcalde, é moi significativa a porcentaxe de familias que se sosteñen coas pensións dos avós. Nós loitamos polas pensións actuais pero, a realidade, é que estamos a loitar, tamén, por toda a xente que vén detrás, porque os que hoxe traballan e estudan, se isto segue así, non terán máis que pensións de beneficencia mañá”, dixo. “Estas políticas o que parece é que están a forzar a levar a cabo fondos privados”, lamentou.