O goberno local proporá ao Consello Consultivo que chegue até o final e examine outras tres adquisicións máis de inmobles para dar garantías ás políticas públicas de vivenda

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 13/09/2018 - 09:41 / Etiquetas: concello coruña

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, trasladou este mércores a intención do goberno local de "chegar até o final" no que respecta á revisión do Concurso Público de Adquisición de Vivenda posto en marcha pola administración local e que tiña como obxectivo aumentar o parque público de inmobles destinado a ofrecer alternativas habitacionais dignas á veciñanza en situación de vulnerabilidade. Así, á vista da doutrina dos ditames do Consello Consultivo respecto das dúas propostas de resolución trasladadas polo executivo municipal sobre dúas das vivendas adquiridas (en concreto, as ubicadas nas rúas Joaquín Martín Martínez e Santander), o goberno local tomou a determinación de enviar outras tres propostas ao órgano consultivo referidas a outros tres inmobles comprados polo Concello no marco do citado concurso. Segundo indicou Varela, "este procedemento é necesario para dar garantías xurídicas ás políticas públicas de vivenda, unha prioridade para o grupo de goberno".

Segundo explicou á prensa, nunha comparecencia pública, o Consultivo remitiu no día de onte ao Concello os dous ditames solicitados polo goberno local, que elevou a este órgano dúas propostas de resolución, elaboradas previo informe da Asesoría Xurídica municipal, en relación á revisión de oficio das autorizacións para a adquisición de dúas vivendas dentro do concurso público de adquisición: unha ubicada en Joaquín Martín Martínez e outra na rúa Santander. As citadas resolucións aprecian deficiencias no desenvolvemento do concurso de compra de vivenda. "Como recordaredes, foi a Asesoría Xurídica municipal a que elaborou, no primeiro cuadrimestre do ano, un informe que eu mesmo lle solicitei e no que se analizaba, de forma pormenorizada, o expediente do concurso. Ese informe xa apreciaba unha certa indefinición nas bases do procedemento, algo que motivou a decisión do goberno local de iniciar a revisión de oficio da compra da vivenda da rúa Joaquín Martín Martínez. Ademais, e en atención a unha solicitude do Pleno, tamén se remitiu a nosa proposta de revisión da compra doutro inmoble, neste caso na rúa Santander", recordou Varela. "O Consello Consultivo tamén aprecia deficiencias no desenvolvemento do concurso de compra de vivenda. É certo que foi mellorable, e parece probado que existiron erros humanos na comisión técnica. Erros que poñen en cuestión varias das adquisicións", manifestou.

En concreto, o órgano consultivo estima, como xa propugnaba o Concello na súa proposta de resolución, que o acto administrativo no caso da vivenda da rúa Joaquín Martín Martínez é nulo. Neste caso, estima que o inmoble en cuestión incumpre o parámetro de altura esixido ás vivendas, polo que o acto de adquisición adoece dun requisito esencial que determina a súa nulidade. "Este ditame pronúnciase no mesmo sentido da Asesoría Xurídica Municipal, que xa propuña a nulidade desta adquisición ante os posibles erros detectados no procedemento", explicou.

Pola contra, a proposta de resolución remitida dende o Concello para a compra do piso da rúa Santander propugnaba a desestimación da nulidade da autorización da compra, en base aos informes tanto da Asesoría Xurídica como do propio servizo de rehabilitación e vivenda. Non obstante, neste caso, o órgano consultivo ditamina que tamén procede a nulidade, xa que considera que o inmoble en cuestión incumpre un requisito esencial das bases, no relativo ao que debían ser vivendas exteriores "entendendo por tales as que dispoñan de, polo menos, dúas pezas principais con ocos de luz á vía pública". No caso da rúa Santander, o piso tiña dous ocos, pero só un deles daba á vía pública.

Revisión doutras tres vivendas

"Ante estes ditames, e seguindo as instrucións do alcalde, o goberno municipal convocará á maior brevidade posible unha Xunta de Goberno local extraordinaria para anular a autorización de compra do inmoble de Joaquín Martín Martínez, mentres que, á vista da ditame coñecido, se elevará ao Consello Consultivo unha proposta favorable á revisión de oficio da autorización de compra tamén da rúa Santander, que, polo tanto, tamén derivará na súa nulidade", aclarou o concelleiro de Rexeneración. "A maiores, e tendo en conta que nun dos seus ditames o Consultivo fai unha consideración na que chama ao Concello a iniciar a revisión doutras compras no caso de que se detecte o incumprimento dunha das bases (en concreto a 10.5, que esixía que as vivendas fosen exteriores) o goberno local tamén iniciará o procedemento de revisión de oficio respecto a adquisición do inmoble sito na rúa Barreira".

"Ademais, e en atención aos ditames do Consultivo en relación aos requisitos que se consideran esenciais para o cumprimento das bases do concurso público de vivenda, a Xunta de goberno local iniciará tamén o procedemento de revisión de oficio respecto doutros dous inmobles, situados nas rúas Almirante Mourelle e Fe", engadiu o edil. Nos mesmos, e segundo detectou a Asesoría Xurídica no seu informe, non se cumpriu unha das bases da convocatoria: a referida a ter a condición de propietario rexistral no momento da presentación da solicitude, un erro que existiu aínda que logo, e no marco do proceso de presentación de ofertas, se subsanou.

"En definitiva, e en atención ao criterio que o Consultivo sentou nos dous ditames coñecidos onte, o que imos propor é a anulación da adquisición de cinco dos inmobles adquiridos no concurso de vivenda. Do mesmo xeito, e seguindo as instrucións do alcalde, exerceremos as accións necesarias para que se reintegren as cantidades abonadas e os inmobles revertan aos seus vendedores", resumiu.

Na defensa dunha política pública

O titular de Rexeneración Urbana lamentou os erros humanos detectados no marco do proceso do concurso de adquisición de vivenda, se ben insistiu en que "este procedemento tiña unha finalidade moi clara, como era, por unha banda, atacar a crise habitacional, ampliando o escaso parque de vivenda municipal (menos dun 1% da existente na cidade) e, por outra, plantexar un novidoso mecanismo para intervir no urbanismo, contribuíndo á rexeneración de distintos puntos da cidade e mobilizando o parque de vivenda baleira". "Lamentablemente, como vemos, a execución non estivo á altura dos obxectivos que se perseguían e isto ten que servirnos para mellorar no futuro", dixo o concelleiro Varela.

Ao fío, o edil lembrou que o encargado de valorar e propor as adquisicións realizadas no marco deste concurso de vivenda foi un equipo técnico municipal totalmente independente (como xa puxo a propia comisión por escrito no seu momento). Este seguiu unhas bases redactadas desde os propios servizos que, a día de hoxe, "se demostran incorrectas". "Parece evidente agora, á luz dos ditames do Consello Consultivo, que se cometeron erros", manifestou o responsable municipal que, non obstante, quixo facer unha mención especial ao traballo desempeñado polo funcionariado. "Quero agradecerlles o seu traballo, e quero dicir que non dubido da competencia da capacidade amosada polos e polas traballadoras municipais durante todo este proceso", subliñou.

Neste punto, o concelleiro trasladou aos medios que a xefa de servizo de Rehabilitación e Vivenda e presidenta da comisión técnica que desenvolveu o concurso lle solicitou presentar a dimisión do seu cargo "nun acto de responsabilidade e á vista do informe do Consello Consultivo". "Malia a que creo que traballou lealmente para sacar adiante este proxecto, unha política que cremos que é útil para a cidade e que temos que conseguir que sexa exitosa, tras consultalo co alcalde, decidín aceptar a súa dimisión, que se fará efectiva nos próximos días, unha vez que remate as tarefas que ten entre mans", apuntou.

"No que atinxe a min, o alcalde, como non podía ser doutro xeito, sabe que ten o meu cargo a súa disposición todos os días. O meu cargo está a súa disposición, día si e día tamén. Neste caso, e despois de falalo con el, temos claro que a responsabilidade é de procedemento. A miña responsabilidade é a de conseguir que as políticas de vivenda sexan exitosas e que os seus procedementos, dende logo, non sufran dos erros que tivo esta convocatoria", explicou.

Por último, Varela aproveitou a súa comparecencia ante os medios para deixar claro que "se ben existiron erros no procedemento do concurso, erros humanos nun proceso novidoso que nunca se levara a cabo no Concello", non se poden aceptar os argumentos que tratou de empregar a oposición para denostar un proceso que ten como obxectivo facilitar o acceso a unha vivenda digna aos colectivos con maiores dificultades. "Os erros aparecen cando se intentan facer cousas, especialmente se son cousas novas que implican cambios", insistiu.