O mar do Orzán acolle a fin de semana unha nova edición do Teresa Herrera de traiñeiras

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 10/08/2018 - 00:55 / Etiquetas: concello da coruña

O mar do Orzán acollerá esta fin de semana unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera de traiñeiras que, como vén sendo habitual dende 2016, contará cunha categoría masculina e outra feminina. Esta última competición contará ademais, como novidade este ano, co recoñecemento da Bandeira. "Desta forma, atendemos unha reivindicación das propias deportistas que participan neste torneo e damos un novo paso no traballo que está a desenvolver o goberno local dende a súa chegada ao Concello para que a igualdade de xénero sexa tamén efectiva e real no mundo do deporte", indicou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.

Sande recordou que a consecución do recoñecemento da Bandeira para a competición feminina "é a consecuencia lóxica do traballo iniciado nada máis chegar a María Pita, e que derivou en que hai dos anos, por primeira vez, o histórico trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras contase con competición feminina". "O feito de que se dispute a I Bandeira de Traiñeiras en categoría feminina promociona e pon en valor a igualdade de xénero nun deporte que é entendido como minoritario pero que, ao contrario, conta cun gran número de afeccionados e afeccionadas", explicou o titular de Deportes, que salientou o traballo que desenvolve a Federación Galega de Remo, con quen o Concello desenvolve este Teresa Herrera de Traíñas, que terá unha primeira xornada clasificatoria masculina o sábado, na que os 19 equipos participantes competirán en dúas quendas contrarreloxo a partir das 17.30 horas, mentres que o domingo, a partir das 11.45,  terá lugar a Bandeira feminina, na que participarán 5 equipos, así como a final da masculina.

"O mar da Coruña transfórmase de novo nun escenario de referencia para a práctica do remo, logo de que, ademais, o pasado xullo, tivese lugar a regata Bandeira da Coruña, puntuable para a Eusko Label Liga e que, tamén neste caso, contou con competición feminina", recordou o concelleiro, que tamén quixo destacar "a histórica compoñente deportiva e marítima das Festas de María Pita".