O plan de actuación sobre o río Quintas prevé a recuperación das zonas degradadas e a mellora da accesibilidade

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Sáb, 12/05/2018 - 00:21 / Etiquetas: concello da coruña, Río Quintas
Foto: Concello da Coruña

 

A concelleira de Medio Ambiente, María García, expuso onte ante a veciñanza de Palavea, Santa Xema e Pedralonga o proxecto de recuperación do río de Quintas, que desemboca na ría do Burgo. O plan prevé a recuperación das zonas degradadas tras anos de abandono a través da recuperación das áreas de dominio público hidráulicas, “un proxecto que é posible agora grazas á eliminación dos puntos de verteduras na zona dentro do programa de Vertido Cero posto en marcha por Medio Ambiente”. “É un dos poucos ríos da cidade que non está soterrado, pero o seu estado é moi deficiente, de completo abandono. Nel hai colectores e lixo e está encaixado entre muros polo que a veciñanza non pode acceder”, indica a edil. Así, a Concellería pon en marcha un proxecto de recuperación de beiras fluviais que se inicia no río de Quintas e polo que tamén está previsto actuar no río de Feáns. García incide en que esta recuperación do río permitirá “cumprir cunha das reivindicacións da veciñanza, que poderá gozar dun novo espacio verde, nun dos barrios da cidade que historicamente foron menos atendidos”.

A xuntanza que se celebra esta tarde é un paso máis no proceso de participación coa veciñanza, dentro do proceso previsto de información e no que xa se mantiveron contactos co comercio, hostalería, propietarios e veciñanza, en especial con aquela que vive próxima ao río. García indica que a primeira fase do proxecto consistirá na recuperación do dominio público hidráulico, no que o Concello adquirirá terreos máis dunha vintena de propietarios e propietarias, un proceso que está previsto que se prolongue ao menos un ano. “Cando esta fase remate iniciarase a licitación das obras, nas que, ademais da limpeza, favorecerase a accesibilidade mediante a creación de sendas, con tramos de terra e outros de pasarelas de madeira, zonas de lecer e esparcemento para a veciñanza e áreas de auga embalsada para favorecer a diversidade das especies acuáticas”, explicaa edil, que destaca que a obra tamén mellorará a mobilidade no barrio, ao conectar cunha senda peonil e verde Palavea coa ría do Burgo. O orzamento previsto para esta intervención é de 169.172 euros, a cargo de fondos europeos EIDUS. O proxecto EIDUSCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).

Tal e como pon en relevancia a concelleira, esta tipo de actuacións nos ríos da cidade “veñen a rachar cos anos nos que os cursos do municipio foron enterrados e entubados”. “Son espazos que queremos coidar, que teñen unha diversidade ambiental moi grande e que axuda tamén a que as persoas conecten e gocen de zonas verdes. Esta política de recuperación de beiras fluviais encaixa coa nosa aposta por unha Coruña máis viva e máis natural”, apunta.