O Pleno aproba de forma definitiva a modificación da ordenanza de rehabilitación

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 11/09/2018 - 09:12 / Etiquetas: concello da coruña, pleno

 

O Pleno do Concello da Coruña aprobou este luns, de forma definitiva e por unanimidade, a modificación da ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles, un documento que agora, e tras os cambios introducidos polo goberno local, fomentará estas accións na Cidade Vella, a Pescaría e os núcleos tradicionais. A modificación, impulsada pola Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, traducirase nun aumento das contías máximas por subvención para os inmobles e os locais comerciais situados dentro da área do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e a Pescaría (Pepri) e a creación dunha axuda complementaria segundo ingresos para a rehabilitación de vivenda en toda a cidade "que permita loitar contra a xentrificación e axude a fixar poboación". "Os cambios que hoxe quedan introducidos nesta ordenanza municipal teñen como obxectivo facilitar o acceso á vivenda de toda a cidadanía, elevando o nivel da calidade de vida, así como recuperar o patrimonio construído mediante a posta en valor da cidade histórica", comentou.

A modificación aprobada na Cámara supón unha suba substancial dos límites de subvención, tanto en ámbito Pepri como no resto da cidade. De forma xeral, as contías incrementaranse de 5.000 a 15.000 euros para vivendas unifamiliares catalogadas no ámbito Pepri (12.000 no caso de edificios con varias persoas inquilinas para realizar obras de conservación dos elementos comúns), mentres que nas vivendas unifamiliares non catalogadas pasarase de 3.000 a 12.000 euros de axudas (9.000 en casos de vivenda xeral). "O que estamos a facer con estes cambios é equipararnos coas maiores subvencións doutras cidades galegas, ademais de igualarnos coas axudas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021", salientou o responsable municipal, que recordou que, por exemplo, a contía máxima de subvención en Pontevedra é de 15.000 euros, sendo de 11.600 euros para o casco vello de Vigo e de 10.000 para zonas do barrio histórico. "A partir de agora non só subiremos as axudas no ámbito Pepri, senón en toda a cidade", explicou.

"Fomentar a rehabilitación do casco histórico da cidade, así como o seu dinamismo comercial, é un dos eixes do Plan de Revitalización da Cidade Vella e esta modificación da ordenanza posibilita, precisamente, mellorar a conservación do patrimonio desta área á vez que se aportar ferramentas para abordar os problemas demográficos do barrio e asentar poboación", indicou o concelleiro Varela.

"Este Goberno local leva anos tratando de fomentar a rehabilitación e a execución de obras para a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética a través dun sistema de axudas financiado con fondos propios, que se reforzou nos últimos tres anos cun aumento do 25% do crédito destinado a estas liñas de acción", explicou Varela, que recordou que en 2015 o investimento municipal neste eido foi de 2.030.000 euros, e este exercicio ascende a 2.650.000 euros. Ao fío, o titular de Rexeneración Urbana recordou que o Concello vén de solicitar ao goberno central e dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 case 7 millóns de euros de axudas para a rehabilitación de inmobles nas zonas ARI de Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas María Pita, en Labañou, e nas denominadas Casas de Franco. "A solicitude feita dende o Concello pretende abordar unha actuación integral nas tres ARI, de forma que se podería actuar sobre un total de 521 vivendas que verán mellorada de forma notable as condicións de habitabilidade e accesibilidade", explicou. Varela comentou que estas axudas darán continuidade ao traballo realizado no que vai de mandato polo goberno local en Palavea, Mariñeiros, Sagrada Familia e San Vicente de Elviña. Ao fío, tamén indicou que o executivo traballa na elaboración dun plan director do Barrio das Flores "para que poida ser declarada como zona ARI e, por tanto, poder acceder nun futuro as axudas estatais". Con respecto as actuacións en materia de rehabilitación e acceso á vivenda sufragadas integramente polo Concello, Varela salientou que nos últimos tres anos "se investiron uns 7 millóns de euros".

"Os esforzos das administracións locais neste eido contrastan co desleixo e a falta de interese amosada polo goberno estatal até o momento", declarou o edil, á vez que recordou que "se en 2007 as axudas chegaban aos 1.000 millóns de euros, o ano pasado eran de 300 millóns". "A nivel local, as actuacións emprendidas polo PP non foron moito mellores. A política de vivenda do anterior executivo municipal entre os anos 2011 e 2015 baseouse en, por exemplo, impulsar unha convocatoria, que afortunadamente quedou deserta, para vender dúas vivendas municipais", apuntou.

"Neste sentido, dende o executivo municipal só podemos manifestar o noso desexo de que o novo goberno central adopte medidas que corrixan as políticas devastadoras postas en marcha estes anos. É preciso revisar o plan estatal de vivenda, de maneira que aborde as demandas que reclama a cidadanía, así como é necesario poñer freo as medidas que incentivan a subida dos prezos do alugueiro", insistiu.

O Pleno tamén deu luz verde á aprobación inicial dun expediente de modificación do orzamento do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) para ingresar 935.000 euros procedentes dos remanentes do pasado ano. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, dirixida por José Manuel Sande, volveu levar este asunto ao Pleno logo do acordo acadado co grupo municipal do PSOE para a súa aprobación (o BNG abstívose na Cámara, mentres que o PP votou en contra). A incorporación de remanentes permitirá destinar distintos suplementos de crédito a actividades culturais en diferentes recintos municipais, así como outras accións relacionadas coa programación cultural ou o aluguer de maquinaria e utillaxe. Tal e como explica o edil de Culturas, José Manuel Sande, "trátase dun trámite administrativo regular e rutinario que se fai en todos os exercicios económicos e que permite ao IMCE manter moitos proxectos de dinamización e xestión cultural, dende as festas nos barrios, as subvencións para iniciativas culturais ou a programación dos espazos municipais".

Contribucións especiais

Por outro lado, o Pleno municipal deu tamén aprobou de forma inicial e por unanimidade a ordenanza de contribucións especial para a ampliación do servizo de extinción de incendios, pola que o Concello percibirá este ano algo máis de 930.000 euros que destinará á mellora das infraestruturas e equipamentos destinados a actuar en situacións de emerxencia. "Anualmente, a administración local recibe unha cantidade económica derivada das contribucións especiais das aseguradoras, que ven reducidos os seus custes grazas á ampliación da capacidade dos servizos de extinción de incendios e á boa labor dos bombeiros", comentou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito. "Estes 930.000 euros supoñen o 90% do financiamento necesario para poder materializar os investimentos de mellora no servizo de extinción previstos nos orzamentos municipais, e que ascenden a 1.035.768 euros", dixo. Esta cantidade será empregada para adquirir un vehículo adaptado para traballos de excarcelación (340.000 euros), nova maquinaria (127.946 euros), realizar actuacións en materia de reposición de edificios e outras construcións (261.000 euros), mellorar o mobiliario do parque de bombeiros (125.000 euros), adquirir unha nova cesta para o vehículo autoescaleira (110.000 euros), acondicionar o sistema de ventilación do garaxe (50.000 euros) e adaptar o centro móbil de xestión e coordinación operativa de emerxencias (22.000 euros).

No marco do debate plenario, a concelleira Vieito salientou que os datos de execución orzamentaria global a nivel precontable, a esta altura do ano, é dun 47,3%. "Se falamos de créditos totais, temos un nivel dous puntos por enriba do asinado no ano 2014, exercicio de maior execución do pasado mandato", salientou, á vez que tamén solicitou ao PP "lealdade institucional" para traballar polo ben da cidade. "O incumprimento do Período Medio de Pago (PMP) do Concello nestes últimos meses non ten nada que ver coa liquidez do Concello ou coa recadación do IBI, senón que ten que ver con que vostedes se negaron a aprobar un recoñecemento extraxudicial de facturas de 1,3 millóns até o mes de agosto", recordou. "E aínda con todo, estamos nunha media por moi debaixo da dos concellos con cesión de tributos", fixo fincapé.

Ademais, a cámara municipal tamén deu o visto e prace á aprobación inicial da modificación do cadro de persoal deste 2018, do proxecto de modificación do cadro de persoal naquelas prazas reservadas a funcionarios, persoal laboral, eventual, directivo e o TEAM (Tribunal Económico Administrativo Municipal). Segundo destacou Vieito, a boa situación económica do Concello permítelle levar a cabo unha taxa de reposición adicional, que na Coruña se traduce na posibilidade de engadir tres prazas máis, dúas que ampliarán a categoría de persoal técnico A1, e unha máis de Policía Local. "A Lei de Orzamentos ofrece esta posibilidade a aquelas administracións que cumpren os obxectivos de estabilidade, límites de débeda e regra de gasto", subliñou.