O Pleno avala a moción do grupo de goberno que solicita a condonación da débeda da Autoridade Portuaria

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 11/09/2018 - 09:18 / Etiquetas: concello da coruña

O Pleno municipal aprobou este luns a moción presentada polo grupo que sustenta ao goberno local, que insta ao executivo estatal a condonar o préstamo concedido á Autoridade Portuaria a través de Puertos del Estado para o financiamento das obras de Punta Langosteira, acordando para iso as medidas normativas e orzamentarias que sexan necesarias no vindeiro exercicio, ou ben a conceder unha axuda equivalente. A moción foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e o PP, logo de que se aceptasen pequenas modificacións á redacción orixinal, o rexeitamento do PSOE e a abstención do BNG.

Tal e como foi finalmente aprobada, a iniciativa defendida polo concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, tamén insta á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Fomento e ao propio Concello a convocar de inmediato a Comisión de Seguimento prevista no convenio firmado no ano 2004 para a reordenación dos terreos portuarios. "O noso obxectivo, que entendemos é o máis acaído para a defensa dos intereses dos e das coruñesas nesta cuestión, é que, no marco da citada comisión, as administracións implicadas negocien e asinen co Concello un protocolo de colaboración que teña por obxecto a revisión dos acordos aos que se chegou hai agora 14 anos, e que non se corresponden coa realidade actual", indicou o responsable municipal, que incidiu en que a revisión dos convenios implica tamén a do propio PXOM de 2013.

A iniciativa aprobada, a única das catro que se presentaron que recibiu apoio suficiente, tamén demanda á Autoridade Portuaria da Coruña (APAC) e a Puertos del Estado, o Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia, así como a ADIF -o administrador de infraestruturas ferroviarias- a constitución dun ente público xunto ao Concello da Coruña "como forma de participación e xestión do novo horizonte litoral no que, asegurando obxectivos tales como o uso e xestión públicas, a administración local coruñesa teña garantida a participación suficiente para a súa execución". O documento tamén recolle a necesidade de instar tanto ao Ministerio de Fomento como a Puertos del Estado, en calidade de ente dependente, a "impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira". "Para isto é preciso, tal e como solicitamos, que exista unha partida específica e suficiente nos Orzamentos Xerais do Estado do ano 2019", destacou o concelleiro Varela. A iniciativa será trasladada a todos os axentes implicados no futuro da fachada atlántica, máis alá da cidadanía, como son a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, a Autoridade Portuaria da Coruña, Puertos del Estado e ADIF, así como ao conxunto de grupos con representación tanto no Parlamento galego como nas Cortes Xerais.

Emenda aprobada

A moción do grupo de goberno, a única referida á cuestión portuaria que foi aprobada esta tarde polo Pleno, contou cunha emenda in voce do grupo municipal popular referida aos acordos 1, 2 e 3 da iniciativa e que indicaban que o Pleno municipal instaría á condonación da débeda da Autoridade Portuaria ou a recepción de "axudas equivalentes"; que a Cámara demandaría tanto á Xunta de Galicia, como ao Ministerio de Fomento "e ao propio Concello" a convocar de inmediato a comisión de seguimento dos convenios de 2004 e, por último, que o Pleno demandaría tanto a APAC, como a Puertos del Estado, ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia, así como a ADIF, a constituír xunto co Concello da Coruña un "ente público", como pode ser un consorcio, como forma de participación e xestión do novo horizonte litoral.

Segundo manifestou o concelleiro Varela durante a sesión, "o tempo está dando a razón a todos os postulados que o goberno local da Coruña defendeu dende o principio". "Hai tres anos, cando chegamos a María Pita, conseguimos que este Pleno fora consciente de que era necesario mudar os lesivos acordos de 2004 sobre o futuro do bordo litoral, e logramos paralizar a privatización e venda da Solana, aínda a pesar de que a conselleira de Medio Ambiente votou a favor no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, para logo dicir o contrario", recordou o edil. "Seguimos demandando a necesidade de aplicar unha quita sobre a débeda da Autoridade Portuaria que permita que non se especule cos terreos da fachada atlántica e reclamamos que o porto coruñés poida ter unha solución análoga á que o goberno do Estado lle deu a Valencia", engadiu. "A día de hoxe somos a única administración que ten presentado unha proposta integral sobre o futuro do noso litoral; unha proposta que pasa por condonar ou dar unha axuda equivalente á débeda que a Autoridade Portuaria ten derivada da construción de Langosteira, que aposta por revisar os convenios de 2004, por constituír un ente público coas entidades implicadas para garantir o uso e xestión pública da fachada atlántica e que solicita deixar sen efecto o lesivo protocolo asinado o pasado abril entre Xunta, Ministerio de Fomento e Puertos del Estado, excluíndo ao Concello da Coruña e, con el, á veciñanza", enumerou.

"Hoxe, neste Pleno, a realidade é que non podo máis que dicir que o PP está a facer un exercicio de cinismo enorme, como amosou a pasada semana no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa votación, o seu rexeitamento a deixar sen efecto un acordo lesivo para A Coruña como é o protocolo excluínte do pasado mes de abril deixa ver ás claras que están a empregar esa administración como un chiringuito co que facerlle oposición á propia cidade", reflexionou Varela, quen volveu pedir "valentía ao PSOE". "Van xa máis de 100 días no goberno do Estado. Se o PSOE ten vontade de construír, ten que ser valente", indicou.

Así se manifestou o responsable municipal, logo de que o grupo socialista non aceptase unha emenda do grupo de goberno local á moción que presentou sobre o bordo litoral, na que se propuña que o texto do PSOE explicitase a necesidade de que o Estado condone a débeda da Autoridade Portuaria ligada a Punta Langosteira (ou aplique, no seu caso, axudas equivalentes), e recollese que o futuro proceso de negociación entre as administracións implicadas no futuro da fachada litoral debe asegurar "a titularidade e a xestión pública" do mesmo. "Non entendemos que o grupo socialista non aceptase esta tarde incluír unhas emendas que simplemente pretendían engadir á súa moción enunciados que sempre defendeu até agora, neste mesmo Pleno, como a aplicación dunha quita sobre a débeda da Autoridade Portuaria ou a necesidade de que se garanta a non especulación cos terreos que se vaian desafectando", explicou o edil.

Moción socialista

A iniciativa do grupo socialista instaba, na súa parte resolutiva a que Ministerio de Fomento, Puertos del Estado, Xunta de Galicia e Autoridade Portuaria da Coruña realicen as xestións oportunas "para deixar sen efecto, con carácter inmediato", o protocolo que asinaron o pasado 18 de abril. A iniciativa rexeitada propuña que, unha vez anulado o citado acordo, se instase á apertura inmediata "do proceso de negociación na mesa, creada ao efecto e que nunca se reuniu, entre o Concello da Coruña, o Concello de Arteixo, a Autoridade Portuaria da Coruña, a Xunta de Galicia, Puertos del Estado, ADIF e o Ministerio de Fomento". "A mesma deberá de servir para a revisión dos convenios portuarios de 2004, especificamente dos criterios de ordenación, forma xurídica da xestión dos terreos, financiamento e, por extensión, os demais apartados contidos na proposta de protocolo trasladado, no seu día, dende o goberno de España ao Concello da Coruña", engadía.

A moción orixinal presentada polo PSOE foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do grupo de goberno e o BNG.  Tamén foi sometida ao ditame do Pleno unha proposta de moción alternativa á do PSOE que incluía emendas do grupo de goberno reclamando a condonación da débeda da Autoridade Portuaria e a defensa da titularidade e a xestións públicas dos terreos portuarios, texto que tamén foi rexeitado, neste caso cos votos en contra do grupo socialista e o popular, ademais da abstención do Bloque.

Mocións de BNG e PP

No que atinxe á cuestión portuaria, o Pleno tamén rexeitou esta tarde a moción presentada polo BNG na que instaba ao Concello a negociar con distintas administracións a condonación da débeda da Autoridade Portuaria e a aprobación dunha consulta popular sobre o futuro dos terreos portuarios. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, a abstención do grupo de goberno e o PP e o voto favorable do propio BNG.

Do mesmo xeito, tampouco acadou os apoios precisos para saír adiante a moción rexistrada polo PP, que foi rexeitada polo resto de formacións da Cámara. Nela, o grupo popular propoñía instar ao goberno estatal a dar cumprimento ao protocolo asinado polo presidente da Xunta co anterior Ministerio de Fomento.