O Teatro Colón homenaxea a Luísa Villalta coa estrea de ‘O paseo das esfinxes’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 23/05/2018 - 00:50 / Etiquetas: Diputación da Coruña, teatro colon

 

A compañía Teatro Proscrito pon en escena este mércores no Teatro Colón a obra O paseo das esfinxes de Luísa Villalta, unha coprodución da Área de Cultura da Deputación da Coruña e Manarte Producións, dirixida por Lino Braxe, que pretende ser unha grande homenaxe á figura de Luísa Villalta, poeta e dramaturga coruñesa e universal.

O espectáculo, de gran formato, conta cun talentoso elenco encabezado por Sabela Hermida, que estará acompañada por Amalia Gómez, Rebeca Montero, Isabel Blanco, Manuela Varela, Ana Rodríguez, Pedro Picos, Xosé Bonome e Javilópez.

O paseo das esfinxes supón un achegamento da autora ao teatro poético contemporáneo e ao drama clásico, tanto na concepción do marco escénico como no tratamento da personaxe principal, Lisis, que a través dos seus monólogos se converte en narradora das experiencias vividas ao longo da súa etapa de madurez e vellez. Nese tramo do seu percorrido vital, a protagonista interpela ás sombras das esfinxes na evocación da infancia perdida, da emoción inocente do primeiro amor e dos desexos inefábeis que nela producía "aquela canción que falaba do mar".

Lisis rebélase diante do destino que lle agarda e que lle deseñaron. Unha actitude vital que devén na procura de instantes de plenitude efémeros que se esvaen tan de présa como as ondas do mar borran as pegadas humanas deixadas sobre a area.

A disposición do decorado, que asume o espectáculo como motor visual da acción, proporciona unha imaxe do universo mental ideado, e a súa división en dúas partes antagónicas sinala metaforicamente a confrontación na que se estrutura o contido da historia.

O escenario que envolve a acción inclúe unha canción que funcionará como leitmotiv no discurso integral da proposta dramática. Un paseo presidido polas esfinxes que nos remite aos antigos coros, produce no público un efecto de familiarización e distancia crítica co espírito tradicional e inmobilista que representa, mentres o Camiño que se perde ao fundo, misterioso e incerto, simboliza o universo persoal do desexo a satisfacer. O paso do tempo tamén se reflicte na evolución das roupas da protagonista, cuxa "túnica negra desgastada" contrasta plasticamente coa vestimenta vital coa que se presenta ao público na primeira parte da peza.

Escritora e violinista coruñesa, Luísa Villalta destacou sempre pola forza da súa voz e polo seu compromiso social. Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos. O paso do tempo e o mar sempre estiveron presentes nas súas creacións, como ben o amosa estas palabras que Lisis pronuncia ao remate de O paseo das esfinxes: “Durante un tempo vivín nunha casa, perto do mar, onde acaban todos os camiños. Os barcos entraban e saian de xeito que a cidade era diferente cada mañá”.

As entradas para este espectáculo pódense mercar en ataquilla.com ou na billeteira do Teatro Colón. Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es/entradas