O Teatro Rosalía de Castro acolle este xoves 19 a estrea do espectáculo didáctico ‘A ollada nas mans’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 16/04/2018 - 14:16 / Etiquetas: concello da coruña, Rosalía de Castro
Foto: Concello da Coruña

 

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá o espectáculo multidisciplinar A ollada nas mans, unha proposta que se desenvolve no marco da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, que promove o Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa e que ten como obxectivo principal facilitar e ampliar a accesibilidade das persoas con calquera tipo de diversidade á vida cultural. A iniciativa, impulsada pola Asociación cultural para a integración social Diversos, ten como finalidade fomentar que as persoas con capacidades diferentes “poidan desenvolver e empregar o seu potencial creativo, artístico e intelectual, non soamente no seu propio beneficio, senón tamén para o enriquecimento do conxunto da sociedade”, tal e como apuntou a edil. A este respecto, a concelleira descatou que o proxecto conta coa participación da Banda Municipal de Música baixo a dirección de Juan José Ocón, así como coa colaboración de entidades como o Centro Ocupacional Pascual Veiga, Renacer A Coruña, ou a Asociación de Axuda a Familias de Drogodependientes ADAFAD.

A ollada nas mans , que se estreará este xoves 19, ás 20.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, é un espectáculo que conxuga danza, teatro, música, circo e audiovisuais baseado nun guión de Xoán Carlos Mexuto e que percorre unha parte da obra de Pablo Picasso, “desde a súa etapa do realismo até o Gernika”, apuntou Carlota Pérez, presidenta da entidade e directora do proxecto, que tamén estivo acompañada por Rebeca Ponte e Óscar Cuesta, responsables da composición e produción musical da maior parte espectáculo, agás das obras do repertorio da Banda, “que interpretarán pezas durante a representación da etapa rosa”. A obra, que conta coa participación de 22 persoas en escena e 45 músicos, “céntrase no imaxinario de Picasso e procura que o público viaxe polas súas distintas etapas, ademais de explorar a relación entre as artes e a personalidade do autor”, explicou Pérez. “Para isto, levamos meses traballando cos diversos colectivos a través de obradoiros de artes plásticas ou de fotografía, nos que contamos coa colaboración de artistas como Mamen Bazarra ou Gimena Berenguer”, indicou.

A entrada para o espectáculo, incluída no ciclo Seráns no Rosalía da Banda Municipal de Música, é libre até completar a capacidade do recinto.

Cultura Accesible e Inclusiva

A ollada nas mans forma parte da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva , que se desenvolverá até o 31 de agosto. A Fundación Emalcsa dedica este ano 100.000 euros para a posta en marcha de 13 proxectos que realizarán 13 entidades culturais locais e que contarán coa colaboración de 21 entidades do ámbito das diversidades.

Desde 2015, a Fundación investiu preto de 300.000 euros en accións vinculadas á definición da estratexia Cultura Accesible e Inclusiva no ámbito municipal, que inclúe a planificación e programación das accións a desenvolver, así como apoio técnico e loxístico para a posta en marcha das actividades programadas. O pasado curso desenvolveuse a primeira convocatoria da iniciativa, á que se destinaron 67.000 euros para financiar 7 proxectos de outras tantas entidades culturais da cidade, nos que participaron 10 entidades sociais, ademais da colaboración coa Asociación de Amigos de la Ópera, que incorporou concertos inclusivos na súa programación. As propostas, nas que participaron máis de 2.300 persoas, desenvolvéronse no ámbito museístico así como da música, teatro, cine ou pintura. As iniciativas da convocatoria vinculáronse tamén, posteriormente, á celebración nos meses de novembro e decembro da primeira edición do FESTI= Festival das Artes pola Inclusión Social, na que máis de 100 persoas amosaron as súas creacións artísticas ante 3.000 espectadoras e espectadores.