Os concellos da Coruña e Santiago propoñen constituír un ente específico, de nivel autonómico, para captar rutas aeroportuarias

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 29/05/2018 - 00:02 / Etiquetas: concello da coruña, aeropuerto

 

O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a súa homóloga en Santiago de Compostela, Marta Lois, proporanlle á Xunta de Galicia unha posible solución para mellorar a coordinación dos tres aeroportos galegos, proposta que trasladarán de forma conxunta á administración autonómica e estatal na vindeira xuntanza do Comité de Rutas, prevista para este xoves en Santiago.

Ambos concellos apostan por constituír un ente específico que sexa quen de captar rutas en Galicia avogando pola cooperación e non a competición entre aeroportos. Nel deberían estar representados, ademais dos tres entes municipais, as dúas deputacións provinciais, a Xunta de Galicia e Aena. O obxectivo pasa por que neste ente novo se establezan as liñas de xogo para os aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, así como o reparto de fondos que debería aportar cada administración para captar novos destinos. “Contra o abandono tanto da Xunta como de Fomento, desde A Coruña e Santiago propoñemos impulsar un novo órgano que teña como función a promoción e coordinación do transporte aéreo en Galicia, un obxectivo que non se está a cumprir desde o Comité de Rutas, a pesares de que levamos máis de dous anos solicitando que se tomen medidas ao respecto”, explica o concelleiro coruñés.

Os edís entenden “inaceptable” que sexan os municipios, “que ademais son os que menos competencias teñen, os que estean a soportar en solitario os incentivos na mellora da conectividade”. “No caso da Coruña, ademais, o goberno local está a conseguir unhas cotas de pasaxe que hai moitos anos que non tiña, e iso, aínda por riba, rebaixando o investimento que realiza o Concello nos acordos de promoción coas compañías”, apunta o edil de Emprego. Así, tanto Alberto Lema como Marta Lois, que levan apostando desde 2015 pola coordinación aeroportuaria e pola racionalización de recursos que permitan superar a competencia entre cidades, aseguran que nese ente, de carácter autonómico, crearase unha caixa común onde Concellos, Xunta e Deputacións acheguen fondos de maneira colaborativa a razón dun terzo cada unha. Esta proposta, de nivel autonómico, ten como obxectivo mellorar a conectividade e a cooperación dos tres aeroportos galegos, apostando cada un polas rutas que teñen asentadas, evitando a competencia entre as tres terminais, “da cal só se beneficia o aeroporto de Sá Carneiro, no Porto”.