Os xulgados e tribunais galegos resolveron o ano pasado 314.306 asuntos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 09/03/2018 - 11:08 / Etiquetas: Juzgados

 

Os órganos xudiciais de Galicia ingresaron o ano pasado 319.765 novos asuntos, fronte aos 334.410 de 2016, o que supón unha diminución interanual do 4,4 por cento, segundo os datos do informe ‘Situación dos órganos xudiciais no ano 2017’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. No conxunto do Estado, o número de asuntos ingresados experimentou un incremento do 1,14 por cento.

Os xulgados e tribunais galegos resolveron o ano pasado 314.306 asuntos (1223 de media), quedando en trámite ao final do período 127.810 asuntos, un 3,3 por cento máis que na mesma data do ano anterior. A entrada de asuntos descendeu en penal e en contencioso-administrativo, mentres que experimentou un ascenso nas xurisdicións social e, sobre todo, en civil.

Datos por xurisdiccións

Na xurisdición civil, o número de asuntos ingresados en Galicia en 2017 foi de 121.667, o que supón un ascenso do 4,7 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. Nesta subida tiveron un papel relevante as demandas rexistradas relacionadas con accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario é un persoa física –por exemplo, as cláusulas chán-. O ano pasado resolvéronse 113.186 asuntos, quedando en trámite ao final do período 61.537, un 14 % máis que a finais de 2016.

Na xurisdición penal entraron 158.040 asuntos, o que supón un 11 por cento menos que en 2016. O número de asuntos resoltos foi de 159.446 e o de asuntos en trámite ao final do período de 36.862, un 2% menos que o ano anterior.

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 8.816 asuntos o ano pasado, o que supón un descenso interanual do 11,7 %. Resolvéronse 9.571 casos e quedaron en trámite 5.769, un 9 por cento menos que en 2016. Por último, a xurisdición social experimentou unha subida na entrada de procedementos, xa que os 31.242 ingresados representan un 1,9 por cento máis que en 2016.

O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 32.103 e quedaron en trámite ao final do período 23.642, un 8,6 % menos que o ano pasado.

Tasa de litixiosidade

A taxa de litixiosidade en Galicia (118,1) situouse por baixo da media do conxunto do Estado en 2017, que foi de 126,1 asuntos por cada mil habitantes. Mentres que en penal e contencioso a taxa da comunidade sitúase por baixo da media, é bastante máis alta na xurisdición civil e, sobre todo, en social: 11,5 fronte ao 8,7 de media estatal.