Pablo Castaño Quartet estrea este sábado no Teatro Colón o seu primeiro disco “A-la-láa"

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Sáb, 02/06/2018 - 00:20 / Etiquetas: teatro colon

 

A Área de Cultura da Deputación da Coruña presenta este sábado 2 de xuño desde ás 20 horas no Teatro Colón a estrea do primeiro disco en solitario de Pablo Castaño Quartet. Unha actuación en que o saxofonista galego estará acompañado por un trío de luxo e que ademais contará coa colaboración especial de Ugia Pedreira que, de forma extraordinaria, volverá a subirse a un palco nesta presentación oficial do disco.

“A-la-láa” é o un novo proxecto jazzístico que toma como punto de partida os cantos libres da música tradicional galega como os alalás e as coplas.

Que un destacado referente do jazz galego tome como fío condutor do seu disco o canto libre de tradición oral galega supón un punto de inflexión na traxectoria do xénero no noso país. O álbum, editado por aCentral Folque, foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova Iorque polo reputado produtor Kastuhko Naito.

Castaño está acompañado na gravación de dous dos nomes máis relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova Iorque, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o bo facer do contrabaixista arxentino Demian Cabaud e da cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco.

Vázquez e Cabaud non poderán asistir á presentación do proxecto, mais no seu lugar estará o pianista galego Xan Campos e como convidado especial o contrabaixista xaponés Masatoshi Kamaguchi.

Pablo Castaño é un dos grandes nomes do jazz en Galicia, cunha traxectoria de máis de 20 discos, aínda que este é o primeiro que lanza co seu nome, así como a súa primeira aproximación á música tradicional galega. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.

O cuarteto de Pablo Castaño é de tradición jazzística composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos; dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc.

As entradas para este espectáculo pódense mercar en ataquilla.com ou na billeteira do Teatro Colón. Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es/entrada