Primeiras confirmacións do Festival Noroeste Estrella Galicia

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 02/05/2018 - 11:23 / Etiquetas: Festival Noroeste

 

Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32o edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Catro xeracións de mulleres cunha brillante e celebrada traxectoria, estilos variados e moito que dicir enriba dos escenarios.

CALIDADE, DIVERSIDADE E APOSTA POLO DESCUBRIMENTO DURANTE O DÍA E A NOITE. O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará pilas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo atractivo, experiencial, contemporáneo e singular.

Na súa 32o edición, o Noroeste Estrella Galicia contará de novo coa colaboración de Cuac FM, que celebrará un ano máis o seu xa tradicional Concurso de Bandas e Solistas, do que moi pronto abrirase a convocatoria de participación. Ademais, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, o festival contará por segundo ano consecutivo coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural. Así mesmo, o Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo na súa sesión de música dominical.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32o edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival).

Na súa pasada edición, o evento coruñés rexistrou máis de 200 horas de música ao vivo e unha asistencia de preto de 90.000 persoas, con bandas do talle de Kaiser Chiefs, The Jesus and Mary Chain, Iván Ferreiro, Surfin’ Bichos, Rosalía & Refree, Los Mambo Jambo, Aviador Dro, Mourn, Bala ou Enric Montefusco, entre moitos outros. En 2018, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuará medrando e prestando especial atención á cultura de proximidade e a artistas e bandas emerxentes por descubrir, que compartirán escenarios con recoñecidos nomes da escena estatal e internacional.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da creenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada.

PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS DO FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

ANA CURRA. Teclista, vocalista e compositora, nos anos 80 Ana Curra (Madrid, 1958) foi unha das artistas de referencia da Movida madrileña e, sen dúbida, tamén a máis auténtica. Formou parte de Pegamoides, Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos e algúns medios chegaron a denominala “a raiña do punk en España”. Pasaron xa tres décadas desde aquela euforia oitenteira, pero ela segue igual de irreverente e reivindicativa que entón. Este verán, chegará coma un torrente aos escenarios do Noroeste Estrella Galicia. A que fora líder do icónico grupo Parálisis Permanente xunto á súa parella de entón Eduardo Benavente, alza agora a voz para poñer en valor o legado da súa banda de culto e reivindica a capacidade de transformar, a través da música, todo aquelo co que non estamos conformes. Sempre cunha aguda mirada e vestida en coiro negro, medias de reixa e complementos con chatolas, Ana Curra presentará na Coruña a versión máis punk e gótica de si mesma, cos temas do álbum El Acto, que Parálisis Permanente publicou cando Naranjito trataba de usurpar a imaxe de todo un país. O desaparecido Eduardo Benavente sobrevoará como referente ineludible no seu directo xunto a temas como Quiero ser santa, Unidos, Nacidos para dominar ou Tengo un pasajero. Punk en estado puro.

CHRISTINA ROSENVINGE. Con máis de tres décadas de carreira ás súas costas, Christina Rosenvinge (Madrid, 1964) é a única artista española que pode presumir de haber sobrevivido ao pop adolescente e de converterse nun referente do pop independente, da composición chea de desencanto e madurez. Icona da Movida madrileña, a súa maratoniana carreira en solitario comezou en 1991. Rosenvinge metamorfosea disco tras disco, o seu nome faise más grande e o seu rango musical expándese a límites descoñecidos. Rodéase de artistas como Lee Ranaldo, Steve Shelley, Benjamin Biolay ou Georgia Hubley, con quenes traballa en varios dos seus discos. Tu labio superior (2008) e, principalmente, La Joven Dolores (2011) consagráronse coma discos referentes da canción alternativa en castelán.

A capacidade compositiva e o talento da madrileña son os artífices dun legado extenso e admirablemente diverso. En Lo Nuestro (2015), móstrase escura e introspectiva e suma outra capa musical a todos os seus álbumes anteriores. En febreiro de 2018 saliu á venda Un hombre rubio, o seu décimo traballo en solitario, no que Rosenvinge adéntrase na fortaleza emocional masculina e asume distintas identidades: un pai, un fillo, un amante...

Un espectro percorre Un hombre rubio: é a sombra dun home misterioso que dialoga cos seus fantasmas mentres busca o Santo Graal e pide protección aos deuses durante a travesía. Cando unha muller fala da soidade como emoción universal debería falar en masculino para incluir aos hombres? A artista fala así da súa última creación: “existe outro fantasma máis que sobrevoa poderosamente o disco: musicalmente, seguín a estela de David Bowie. The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars foi a pasadizo que levoume ata o mundo do pop aos 15 anos. Sentín a súa morte coma unha perda persoal e regresei aos seus discos”. E continúa: “De xaneiro a marzo de 2016, durante as últimas semanas da xira de Lo nuestro, encerreime a compoñer, escribir e arranxar cancións de forma obsesiva. En apenas catro meses enviei á banda as nove cancións que conforman Un hombre rubio coa idea de entrar a gravar antes de que se enfriase o impulso”.

A gravación levouse a cabo no estudio de Dany Richter, o seu técnico de directo en 2017. Manuel Cabezalí sitúase na guitarra e no baixo; Juan Diego Gosálvez, na batería; e David Tuya Ginzo, nos teclados. Un hombre rubio responde á enerxía de tocar ao vivo. Está concebido coma contrapunto dun directo que gañou en contundencia e dramatismo grazas á extensa xira de Lo nuestro. Rosenvinge tomou as ferramentas do rock clásico e púxoas ao servizo da poesía máis desesperadamente lírica.

GROUP A. Ondas sen fin de ruído experimental, lecturas de poesía intensamente emocionais e pinturas sobre corpos espidos en directo. O dúo nómada de noise pop xaponés Group A mestura performance e DIY post punk nos seus desafiantes directos, como poderá ser testemuña o público do Festival Noroeste Estrella Galicia este 2018, na que será a súa primeira visita a Galicia, tralo seu paso ppor unha cita de referencia do territorio estatal como o Festival Villamanuela. O tándem feminino de vangarda nacido en 2012 da man de Tommi Tokyo (sintetizadores, voz, percusión) e Sayaka Botanic (violín e cintas de cassette) xunta sobre o escenario ondas sintetizadas de inspiración minimalista, chamativas imaxes e arte performativo moi na liña de pioneiros do xénero coma Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire. A súa fama non deixou de medrar nos últimos tempos e permitiulles compartir proxectos con artistas do talle de Acid Mother Temple, Merzbow, Nisennenmondai, Phew ou Melt Banana.

MORDEM. A palabra galega “morden”, sacada dun poema de Rosalía de Castro, serviu a Elba Fernández para bautizar o seu novo proxecto, Mordem, co que publicou o disco Fragments to Dominate the Silence (2017), o seu traballo máis autobiográfico e introspectivo, co que nos enfrenta á fraxilidade do ser humano, pero para reconciliarnos coa nosa condición. Este verán, Mordem presentará esta colección de 10 fragmentos nas rúas da súa A Coruña natal dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia 2018.

Elba Fernández deuse a coñecer en 2010 baixo o pseudónimo de Jane Joyd e, coa súa primeira maqueta, resultou gañadora do Proxecto Demo de Radio 3 e o Festival Internacional de Benicássim. En 2012 publicou o seu primeiro EP, Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale Of Her Animals, ao que lle seguiu unha segunda entrega un ano despois, Shy Little Jane Presents: So Lost In This Bleak Winter Landscape, ambos editados por Origami. Quen a coñece de entón, atopará neste novo álter ego de Elba a mesma habilidade para crear ambientes e estados, pero en Mordem xa non predominan as cordas e, ademais, o folk da súa anterior encarnación deu paso a sons máis variados, as veces cercanos ao trip hop, outras ao novo R&B, o ambient, o pop, o dreampop..., todos eles atravesados por pianos contemporáneos que van vertebrando, xunto coa voz e os coros, un novo estilo máis nórdico e menos americano.

MOI PRONTO... Na páxina web www.festivalnoroeste.com e nas redes sociais do Festival Noroeste Estrella Galicia, do Concello da Coruña e da Concellería de Culturas iranse comunicando moi pronto as novas confirmacións do festival.