Recepción á gañadora da medalla de bronce no Campionato de Europa de Halterofilia

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 23/05/2018 - 08:36 / Etiquetas: concello da coruña, Halterofilia
Foto: Concello da Coruña

 

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recibiron este martes no Pazo de María Pita a Irene Martínez, gañadora da medalla de bronce no Campionato de Europa de Halterofilia na categoria -63 kg, na modalidade de arrancada. A desportista coruñesa vén de acadar tamén, na última Copa de España de Halterofilia, o terceiro posto na categoría absoluta.

O rexedor sinalou que o acto de hoxe “serve de espazo para recibir e recoñecer o esforzo, a dedicación e o traballo de Irene, así como a importancia do deporte base e das disciplinas minorizadas”. “Se hoxe celebramos a súa medalla é polo traballo dos clubes, polas horas de soidade e polo seu esforzo. Deportistas, adestradores e adestradoras levan anos traballando na cidade sobre uns principios de deporte integrador, aberto, que potencie a inclusión social e a igualdade. Uns valores que dende o Concello da Coruña consideramos que deben estar na base da práctica deportiva e por iso a nosa intención e das iniciativas que poñemos en marcha están enfocadas a estender estes principios, que nós consideramos que é o deporte ben entendido, o deporte que fai veciñanza e comunidade”, apuntou Ferreiro.