Regresa o Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM da man do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 07/05/2018 - 12:40 / Etiquetas: Festival Noroeste, Cuac FM

 

O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que en 2018 celebra a súa 20ª edición. O certame alcanza este ano unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, que será de 4.200 euros. Poderán presentarse bandas e solistas de todo o estado español cun máximo de 15 cancións propias editadas. É posible participar desde hoxe ata o domingo 10 de xuño ás 14.00 horas. As catro bandas galegas gañadoras actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia. Polo menos unha delas será coruñesa e alzarase co Premio á Mellor Banda Local, que ten ademais unha recompensa en metálico de 700 euros. Ademais, con motivo de 20o aniversario do concurso, créase un novo premio á Mellor Canción en Galego, cunha recompensa de 300 euros, que é compatible co resto de galardóns da convocatoria.

As inscricións realizaranse a través do formulario on line https://cuacfm.org/concurso-bandas/. O requisito de participación é enviar dúas cancións propias, en MP3 ou en formato físico. Pódense consultar as bases completas aquí. A organización resolverá as posibles dúbidas a través do correo concursobandas@cuacfem.org.

Unha vez pechado o prazo de recepción de temas, un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorará, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, e emitirá o seu veredicto.

Os e as gañadoras da pasada edición do Concurso de Cuac FM que participaron no 31o Festival Noroeste Estrella Galicia foron o grupo de punk guitarreiro The Riggos, a cantautora coruñesa Cia. Campillo, a banda de trap Boyanka Kostova e o conxunto de rock Eager Platypus. O obxectivo do concurso é, un ano máis, "fomentar a cultura musical na nosa contorna, otorgándolle valor engadido á música local".

No concurso, ademais, e como xa é tradicional dende a súa primeira edición, poden participar bandas de todo o Estado, pero as de fóra de Galicia non entrarán na selección do Noroeste e irán directamente á Batalla de Bandas, que terá lugar o sábado 6 de outubro de 2018 na Sala Mardi Gras da Coruña e repartirá outros 1.400 euros en premios.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN.

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32o edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará pilas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32o edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da crenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada. Ademais, o Noroeste contará de novo coa colaboración de Cuac FM e, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, contará coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural.