Un neno de seis anos chama á policía para denunciar un caso de violencia machista

Autor: Alejandra / Fecha: Mié, 17/01/2018 - 13:26 / Etiquetas: Detenido Coruña, violencia machista, policía coruña
 

Ás 05:50 horas do 14 de xaneiro, a través da Sala do 092 recibiuse un aviso dun neno de pouca idade que informaba de que a súa nai estaba a ser agredida pola súa parella, facilitando a dirección do domicilio, na zona do barrio de Labañou, a onde se trasladaron con urxencia dúas dotacións. Xa no lugar, abriulles a porta do domicilio unha muller que manifestou que escoitara ruídos e dirixiunos ao salón, onde estaba a súa ex parella, con quen tiña en vigor unha orde de afastamento, quen comezou a ameazala con matala a ela e aos nenos á vez que lle daba un golpe na cara, provocándolle un forte hematoma.

A patrulla detivo e puxo a disposición xudicial a este home, veciño da Coruña e de 31 anos, a quen se lle tramitará denuncia por unha concorrencia de tres delitos: violación de morada, violencia de xénero e incumprimento de orde de afastamento. No domicilio localizouse ao menor que fixera a chamada, un neno de 6 anos, que estaba a darlle un biberón ao seu irmán de poucos meses.

Dos menores fixéronse cargos os avós paternos e a muller foi trasladada a un centro sanitario para atender as súas feridas, para posteriormente, denunciar os feitos.