Tellado: “O PPdeG propugnou durante as pasadas semanas neutralidade e liberdade e, coma sempre, cumpriu”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 06/07/2018 - 16:06 / Etiquetas: pp, Tellado

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que “o Partido Popular de Galicia propugnou durante as pasadas semanas neutralidade e liberdade e, coma sempre, cumpriu”.

Para Tellado, propugnouse a neutralidade “porque os nosos cargos orgánicos, comezando polo noso presidente, foron imparciais en todo o proceso”; ao igual que a liberdade xa que cada afiliado votou o que quixo, “como se pode observar na igualdade dos resultados”. “Onte o Partido Popular deu unha lección de democracia interna, que desde Galicia saudamos e celebramos”, subliñou.

Así mesmo, salientou que a xornada de onte foi moi boa tanto para o Partido Popular como para o noso país. “Foi un bo día porque os afiliados tomaron a palabra para expresar a súa opinión; porque estreamos un proceso novo, complicado en canto a loxística, que transcorreu sen incidencias; e porque, en definitiva, culminamos a primeira parte dun proceso que ata agora está sendo exemplar en canto a limpeza e agardamos que o siga sendo”, explicou o número dous do PPdeG.

Sen embargo, por outra banda, o secretario xeral sinalou que tal vez onte foi “un mal día para outros”. Tellado referiuse a aqueles que dicían que no Partido Popular non había democracia interna, “pero no seu partido só funcionan os dedazos e o culto ao líder, coma Podemos ou Ciudadanos”; aos que aseguran que o PP non aposta pola muller; e a Pedro Sánchez e ao resto de socialistas, “que onte comezaron a perder as eleccións de 2020”.

A FASE DE ESCOITAR

Tal e como recoñeceu Miguel Tellado, agora ábrese unha “fase de escoitar”. Así, segundo manifestou, débese atender ao que dixeron os afiliados, e interpretalo acertadamente; hai que prestar atención ás propostas dos dous candidatos; e hai que escoitar o que lles pide a cidadanía para seguir sendo un proxecto gañador, de goberno e que sexa capaz de responder aos intereses do noso país.

“Non temos dúbidas de que o partido acertará e de que, escolla o que escolla, estaremos en disposición de volver ao Goberno no ano 2020”, aseverou o secretario xeral dos populares galegos.

Ademais, sobre as posibilidades que teñen por diante os dous candidatos escollidos onte, admitiu que considera tan lexítimo que cheguen ao Congreso cunha lista unida como con dúas candidaturas separadas e se vote. Malia isto, si fixo fincapé na importancia da integración, sexa antes ou despois da celebración do conclave.

Nese senso, defendeu a capacidade de integración e de unir á formación para facelo máis forte e indicou que agarda que calquera dos candidatos teñan a vontade de contar con todo o mundo. “O imprescindible é que despois do día 21 o partido estea máis unido e cunha ilusión moito maior”, sentenciou.