Tres xeracións de voces femininas encherán de melancolía, beleza e singularidade o Castelo de Santo Antón no Festival Noroeste

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 10/05/2018 - 13:25 / Etiquetas: Festival Noroeste

 

 

Un dos escenarios máis singulares do Festival Noroeste Estrella Galicia ten xa pechado o seu cartel de actuacións para esta 32º edición. O Castelo de Santo Antón mecerase ao son de tres artistas únicas que deron voz a tres xeracións e que, coa súa arte, marcaron o presente de estilos tan ricos e dispares como o fado, o flamenco ou a canción de autor. Elas son a cantaora Rocío Márquez, a vocalista de fados Dona Rosa e a cantante de folk hipnótico Maria Arnal (que actuará no Noroeste Estrella Galicia acompañada pola súa parella artística Marcel Bagés).

Artista habitual dos mellores templos da música a nivel estatal e internacional, a cantaora Rocío Márquez demostrará o martes 7 de agosto no Noroeste Estrella Galicia por que é considerada coma unha das grandes renovadoras do cante flamenco dos nosos días, grazas á súa exquisita sensibilidade e á súa singular mestura de tradición e vangarda. Pola súa parte, a voz poderosa e máxica de Dona Rosa, unha das figuras máis sobresaíntes da escena musical portuguesa, dará renda solta aos seus melancólicos fados con alma de blues, forxados nas rúas lisboetas, o mércores 8 de agosto no Castelo de Santo Antón. Finalmente, Maria Arnal i Marcel Bagés aterrarán o xoves 9 de agosto na Coruña co seu folk magnético, íntimo e comprometido no que será un dos directos máis esperados do festival, tras alcanzar a cima das listas de éxitos en 2017 co seu disco debut, 45 cerebros y 1 corazón.

A carga histórica e identitaria da contorna, a proximidade do mar, o ambiente que se xenera co público e a fondura e o enorme talento destas tres voces femininas con personalidade propia farán que cada noite no Castelo de Santo Antón sexa unha experiencia inolvidable. Seguindo a estela aberta nas tres últimas edicións do Noroeste Estrella Galicia, este 2018 os directos programados no Castelo os días 7, 8 e 9 de agosto apostarán de novo pola calidade, a emoción e o descubrimento. O eclecticismo musical que se poderá experimentar (fado con aires de blues, flamenco de vangarda e canción de autor reinventada) e a elección de figuras singulares e sobresaíntes nos seus propios estilos son outras das sinais de identidade. Un ano máis, as actuacións neste espazo serán gratuítas, pero haberá que retirar as entradas un día antes de cada concerto no quiosco municipal da praza de Ourense, segundo informará a organización cando se acerque a data.

TRES NOVAS ARTISTAS CONFIRMADAS NO FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

DONA ROSA. Acompañada dun triángulo, acordeón, guitarra e percusión, Dona Rosa canta o seu propio tipo de fado, que chega directamente aos corazóns. Pero tamén conmove a súa historia persoal. Dona Rosa nace en 1957 no seo dunha familia sen recursos do Porto. Aos catro anos queda cega debido a unha meninxite. Aos 18 anos chega a Lisboa e únese a outra xente sen teito, vivindo das revistas que vendía ou pedindo diñeiro nas rúas, ata que un día alguén lle suxeriu que usara a súa fermosa voz para gañar a vida. Así é como nace, no medio das rúas lisboetas, unha cantante de fado cunha sensibilidade máxica. Porén, non é ata 1999 cando a súa sorte cambia. Un produtor vienés escóitaa en Lisboa e encarga buscala para contar con ela nun filme rodado en Marrakech. No 2000 lanza a o seu traballo Histórias da Rúa e a este seguiranlle Segredos (2003), Alma Livre (2007) e o último disco en estudio, Sou Luz (2012). “Ás veces canto chorando por dentro, cantando es capaz de desfacerte dunha parte da tristeza”, afirma a cantante. Máis aínda fado tradicional, a súas cancións expresan todo o sufrimento dos máis desfavorecidos cunha emoción que se traslada ao outro lado do escenario. A voz de Dona Rosa conquistou a todo o mundo coas súas actuacións, desde Taipei ou Moscú ata Los Ángeles, España e Inglaterra. 

 

MARIA ARNAL i MARCEL BAGÉS. Co o seu álbum de debut, 45 cerebros y 1 corazón (Fina Estampa, 2017), incluído nas listas dos mellores discos de 2017 nos medios más influíntes do sector, Maria Arnal i Marcel Bagés deixaron de ser unha promesa para converterse nunha das realidades máis sólidas da música feita aquí. Un paso de xigante na fulgurante traxectoria dun dúo que conta os seus directos por abducións e que, a partir dunha feitizante mestura de emoción, actitude e talento, deixa un rastro de seguimento incondicional por onde pasa. O unánime eloxio da crítica ao seu primero traballo foi tamén secundado por premios coma o Ciutat de Barcelona de Música, o Premi Altaveu ou o Premio ARC ao artista revelación. Desde a publicación de 45 cerebros y 1 corazón en abril de 2017, Maria Arnal i Marcel Bagés deron máis de 70 concertos, esgotando aforos en Barcelona, Madrid, Zaragoza, Burgos ou A Coruña, onde agora regresan para engaiolar ao público do 32º Noroeste Estrella Galicia ao ritmo do seu magnético folk, íntimo e comprometido. Con el, visitaron tamén Francia, Portugal, Rusia, Bulgaria e Kazajistán, demostrando que a autoría encaixa á perfección no seu proxecto de continuación da cadena de transmisión da música popular. 

ROCÍO MÁRQUEZ. Rocío Márquez (Huelva, 1985) é hoxe en día unha das cantaoras con máis proxección da súa xeración. A súa voz clara está chea de matices que expresan a súa exquisita sensibilidade. No seu posicionamiento estético conflúen clasicismo e vangarda, amor pola tradición e inquietude por explorar novos horizontes coa súa creación. Coa publicación de El niño (2014) e Firmamento (2017) -nominado pola crítica musical ao Premio Ruido como mellor disco de 2017-, a artista trascendeu os circuitos tradicionais do flamenco, onde é desde fai tempo unha figura consolidada, chamando a atención de crítica e públicos diversos, que ven nela a unha das renovadoras do cante. Quizais por iso reclámana os grandes templos da música, desde o Teatro Real de Madrid ao Primavera Sound de Barcelona, pasando pola Sala Sinfónica do Auditorio Nacional de Música ou o Festival Noroeste Estrella Galicia, co que visitará A Coruña este verán.

Ao longo da súa carreira, actuou na Bienal de Flamenco de Sevilla, na SUMA Flamenca, no Shakespeare’s Globe Theatre de Londres, no Festival Les Suds (Arles, Francia), no mítico Olympia de París, na Ópera de Dusseldorf (Alemania), no Festival de Música Sacra de Fez (Marrocos), no Teatro de La Zarzuela, no Teatro Circo Price, no Auditorio Nacional de Madrid ou nos Palaus da Música de Barcelona e Valencia. O seu proxecto Diálogos de viejos y nuevos sones, xunto ao violagambista Fhami Alqai, valeulle o Premio Giraldillo á Innovación da Bienal de Sevilla. Así mesmo, conta no seu haber co Premio Coups de Coeur da Academia de Charles Cros (Francia, 2013).

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Christina Rosenvinge, Dona Rosa, Group A, Maria Arnal i Marcel Bagés, Mordem e Rocío Márquez.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular. 

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical. 

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da crenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada. Ademais, o Noroeste contará de novo coa colaboración de Cuac FM e, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, contará coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural.