Últimos días da mostra "A Arte no Cómic"

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 22/12/2017 - 05:38 / Etiquetas: Afundación, Arte no Cómic

 

Últimos días de «A Arte no Cómic» na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), unha mostra producida pola Fundación Telefónica na que 73 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal. Case 10 000 persoas xa gozaron desta exposición que se poderá visitar ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2018, de luns a venres de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Ademais, realízanse visitas guiadas gratuítas os mércores e os venres ás 19.00 h.

A exposición amosa, entre outras, obras do Museo Louvre, do Museo del Prado, con pezas inéditas que se poden ver por primeira vez neste proxecto, ou do Museo Thyssen-Bornemisza, que actúan como colaboradores desta orixinal proposta.

OS MUSEOS E O CÓMIC

«A arte no Cómic» estuda o modo en que a historieta se aproximou ao mundo da pintura e incide especialmente na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que debe estar presente na programación dos museos e grandes centros de arte.

Tres grandes institucións culturais foron as primeiras en deixar entrar grandes debuxantes nas súas salas. O Museo do Louvre, da man de Fabrice Douar, editor do museo, e Sébastien Gnaedig, director da editorial Futuropolis, creou no 2005 unha colección de cómics nos que as obras do museo e as súas coleccións eran os elementos centrais da historia, materializándose en 2009 na exposición Le Louvre invite la bande dessinée. O Museo de Orsay creou en 2014, e da man tamén da editorial Futuropolis, a súa propia colección de cómics ambientada nas súas coleccións de arte. E ese mesmo ano os cómics chegaron aos museos españois co álbum Mitos del Pop de Miguel Ángel Martín, por encargo do Museo Thyssen-Bornemisza como complemento da exhibición homónima dedicada ao Pop Art.

Na exposición pódense contemplar obras da colección do Louvre, como La coronación de Napoleón, en versión en viñeta de Christian Durieux, La balsa de la Medusa de Eric Liberge ou La Gioconda de Marc-Antoine Mathieu. Tamén se inclúen cómics da colección do Museo de Orsay, como Moderne Olimpia, de Catherine Meurisse, ou Les variations d'Orsay, de Manuele Fior. Na sede da Coruña súmase á exposición o último traballo desta colección, o cómic Les disparues d'Orsay, de Stéphane Levallois.

Hai obras doutros museos, como cinco páxinas creadas polo historietista KEKO para o Museo del Prado baseadas en obras de Ribera; ou Museomaquia, de David Sánchez e Santiago García, cómic aínda inédito encargado polo Museo Thyssen-Bornemisza con motivo do seu 25 aniversario, que conta con catro das súas páxinas nesta exposición.

Co «A arte no Cómic», Fundación Telefónica sumouse a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a ilustradores e historietistas de prestixio. Entre eles, Javier Olivares, Premio Nacional de Cómic de 2015, e Santiago García ofrecen a súa visión de Constructivo en blanco y negro «TBA» (1933), de Joaquín Torres-García, ou a debuxante Mamen Moreu realiza tres ilustracións que homenaxean ás obras Le peintre au travail, de Pablo Picasso, Assemblatge amb graffiti, de Antoni Tàpies, e La Belle Société, de René Magritte.

A COLECCIÓN DE ARTE AFUNDACIÓN EN VIÑETAS

O segundo ámbito da exposición está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo da exposición, Afundación encarga a Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras máis sobresaíntes da súa colección de arte e que se incorporou aos seus fondos. Entre outras, nas páxinas de Pikiblinder aparecen obras como Molido (Leiro, 1999), El regreso del indiano (Castelao, 1918), Máscaras (Mallo, 1942), Romería (Lugrís, 1953), Cencerrada e La enana pintora (Laxeiro, 1950 e 1970, respectivamente), Tríptico marinero (Sobrino, 1931), Tyla y yo (Minguillón, 1943) ou Paisaje (Perez Villaamil, 1848), ata un total de 26.

A PINTURA NO CÓMIC

Por último, a mostra recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic. Trátase dun achegamento novo ao mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos historietistas que, conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte. Este ámbito conta con pezas como 3 páxinas sobre el Guernica de Javier Olivares e Santiago García; La voz del pueblo, de Gustavo Rico e Jorge García, que recrea La carga de los mamelucos de Francisco de Goya; ou Espejo del alma, de Teresa Valero e Juan Díaz Canales, que inclúe versións dalgúns dos principais lenzos do movemento impresionista.