0 comment
Aurora Paz ViruetEsquerda Unida A CoruñaApril 302017

Un primeiro de maio de unidade e mobilización

 

Achégase o Primeiro de Maio unha data de especial significación para as e os traballadores do mundo. Unha xornada na que atendendo a un vello reclamo de Marx e Engels, todos os obreiros do mundo únense para reivindicar os seus dereitos, para recordar que a forza de produción está nas capas proletarias, para, en definitiva, volver a berrar que “sen nós, todo se para”.

O Primeiro de Maio se ven celebrando dende 1889, unha data escollida en honra aos chamados “Mártires de Chicago”. No contexto da revolución industrial nos Estados Unidos, a súa segunda grande cidade industrial recibía cada ano novos protagonistas do éxodo rural en busca de traballo, que buscaban traballo nas novas fábricas, ademais de todo tipo de inmigrantes procedentes do “Vello Mundo”. Por aquelas, pese as importantes innovacións técnicas introducidas, eran mantidas xornadas laborais de ata 16 horas diarias con salarios miserentos (agudizándose no caso das mulleres traballadoras). Carecían de dereitos laborais, medidas de seguridade, salubridade no emprego, días de descansos, e o traballo infantil estaba normalizado. 

Son décadas de loita e aprendizaxe nas que as e os traballadores lentamente foron tomando conciencia, comezaron a recoñecer no seu par o sentido colectivo da miseria e a explotación, experimentaron formas de auto-organización sindical para a loita conxunta pola mellora das súas condicións vitais e laborais, empezaron a cultivar un sentido do “nós” colectivo como clase.

É, nesta conxuntura, que os obreiros de Chicago saen a rúa para esixir algo tan sinxelo pero á vez tan custoso para as clases traballadoras como o dereito a unha vida saudábel conforme as necesidades ineludíbeis do corpo humano, o dereito intrínseco a poder construírnos en dignidade fronte ao emprego. Elementos que nesta altura tomaban forma na reivindicación da chamada “xornada dos tres oitos”: 8 horas de traballo, 8 horas de sono e 8 horas para a vida privada. Varias leis ignoradas e promesas incumpridas, fan que o 1 de Maio de 1886 as e os obreiros de Chicago, asociados en sindicatos, convoquen unha folga que logra que máis de 200.000 traballadores paren as máquinas para esixir este dereito. Máis a represión, esa constante que acompañará a cada empuxe do movemento obreiro ao longo dos tempos, cebarase unha vez máis contra 50.000 manifestantes, prendendo unha histórica protesta o día 4 de maio na Praza Haymarket. Detencións, malleiras e torturas seguiron aos días seguintes, finalizarán nun xuízo sumario que levou a oito dos manifestantes á cadea e ao paredón. 

Porén, as consecuencias desta revolta levaron a moitas patronais a acceder e estabelecer a devandita xornada. Dende entón conmemóranse todos os Primeiros de Maio á memoria dos bravos “Mártires de Chicago”, e aínda hoxe é tradición facer ofrendas florais na mesma praza onde estes valentes obreiros foran cercados. A medida que diferentes países do mundo se foron sumando á celebración deste Labor Day, o Primeiro de Maio constituíuse como un símbolo de resistencia contra os abusos do capitalismo, un acto de referendación dos lazos de solidariedade e orgullo como clase. Un día para recordar que cando os traballadores actúan en unidade, somos capaces de mudalo todo, que a loita nunca, endexamais é en van

Hoxe coma onte temos moitos motivos para volver facer das rúas o noso campo de batalla. Non é para menos: atopámonos nunha situación de verdadeiro terrorismo social e laboral, milleiros de traballadores suxeitos a condicións de precariedade vital permanente; paro e precariedade no emprego que serve como chantaxe contra as capas traballadoras máis empobrecidas, como ferramenta para disciplinar ás e aos asalariados obrigándolles a aceptar condicións de traballo cada vez máis lesivas pretendendo, aínda por riba e cun renovado cinismo, normalizar socialmente a súa perda de dereitos.

Por se fora pouco, acadar un emprego xa non é garantía de poder ter unha vida digna: contratos vasoira, temporalidade, ou horarios cambiantes son o pan de cada día dos traballadores, sobre todo en aqueles sectores laborais especialmente precarizados como o telemárketing ou a hostalaría. Inseguridade laboral, rotación continúa de posto de traballo e incapacidade de cubrir os mínimos vitais básicos cuns cada vez máis exiguos ingresos salariais son realidades ben estendidas nos fogares do país, constatando a imposibilidade dunha maioría social para construír un proxecto de vida autónomo, unha dificultade que parece non parar de medrar, directa consecuencia dunha década de políticas encamiñadas a minar as escasas bases de protección social que aínda se conservaban. Unha maioría social asoballada pola paulatina perda das conquistas laborais acadadas no século pasado, e que ve mermada incluso a súa capacidade de loita e de resistencia.

Por estes e outros tantos motivos, non podemos deixar de recordar que só mediante a unidade e a mobilización social seremos quen de recuperar para a maioría social os dereitos que nos roubaron. Fagamos deste Primeiro de Maio unha data para reivindicar un cambio de rumbo que a maioría deste país esixe; para pelexar polo dereito a unha vida digna; para visualizar que é posíbel unha alternativa que poña o foco da acción nos problemas materiais das capas populares, como así o testemuñan os gobernos do cambio en importantes municipios como A Coruña. Asemade, a poucos días de ser anunciada a iniciativa de moción de censura que promoverá o Grupo Confederal de UP-EM-ECP, este Primeiro de Maio debe de se converter tamén nun grande clamor de dignidade que inicie e faga medrar a oposición popular á destrución social que representa esa minoría de saqueadores que dirixen as máximas institucións do Estado. 

Un Primeiro de Maio para desbordar a rúa man a man co sindicalismo de clase. Sabemos e defendemos que os sindicatos son un elemento vertebral dentro do tecido social do país e, como tal, o último mecanismo de defensa e solidariedade colectiva coa que contamos os miles de traballadores diariamente ameazados na voráxine capitalista. Por elo, esta xornada, debe de ser tamén para clamar en alto en  favor da acción sindical e o sindicalismo, reivindicando a aqueles traballadores que, como os de Extel ou Alcoa, a meirande parte anónimos, protagonizaron os mellores exemplos de loita nestes anos de crise.

Tal e como dicía Marcelino Camacho, “el derecho a la huelga se consigue haciendo huelgas; el derecho de reunión, reuniéndose; el de asociación, asociándose”, pois “no se ha confirmado nunca en la historia que la transformación de la sociedad sea simplemente obra de la voluntad combativa de una minoría”. É hora pois de tecer unidade entre todas aquelas que aspiramos a construír un modelo de sociedade que poña no centro ás persoas e non ós intereses das grandes oligarquías. É hora pois de recuperar a mobilización e o conflito como armas da nosa clase diante da explotación capitalista.

Viva o Primeiro de Maio!

Viva a clase traballadora!