0 comment
Roberto Rodrígu...Socio de A.L.A.S. CORUÑASeptember 112018

A visibilidade na ciencia

 

Ao pouco de comezar a miña carreira investigadora, souben que algunhas compañeiras de profesión estaban adicando unha parte do seu tempo a visibilizar as mulleres na ciencia en centros de educación secundaria. Coma elas, moitas outras son conscientes de que ven sendo ocultada a figura das poucas mulleres que tiveron a oportunidade de ascender ao máis alto do ámbito académico e de facer aportacións importantes á ciencia e á tecnoloxía. Contando a historia destas mulleres aos e ás estudantes, non só se fai xustiza con estas heroínas do seu tempo, senón que se amosan modelos a seguir para a xuventude, referentes femininas, coas que inevitablemente se sentirán máis identificadas as mulleres presentes na aula. E é que todos necesitamos referentes, e a ausencia de figuras femininas recoñecibles no ámbito da ciencia e a teconoloxía está directamente relacionada co feito de que siga a haber moita máis presenza masculina en determinadas profesións.

Reflexionando sobre a necesidade deste tipo de iniciativas, pregúntome se non sería tamén necesario visibilizar a figura dos científicos e científicas LGTB. Non necesitan os estudantes LGTB referentes dentro do mundo da ciencia? Por que coñecemos a orientación sexual de destacadas figuras da arte como Federico García Lorca ou Michelangelo, pero non temos en mente ningún científico LGTB? Lánzome á internet para atopar algunha resposta e pasa o que ocorre case sempre, que o traballo xa está feito, xa houbo outros que se fixeron as mesmas preguntas antes e intentaron darlles resposta. Ademais, coido que o fixeron de xeito acertado, polo que vou presentar aquí algúns blogs e artigos que atopei na rede e aconsello visitar a todos os que esteades interesados en afondar máis no tema.

Practicamente calcando a miña secuencia de pensamento, atopo primeiramente o blog CienciaLGTBIQ [http://ciencialgtbi.es/hola-mundo/] (iniciado por Javier Armentia, astrofísico e director do Planetario de Pamplona, homosexual). Nel podedes atopar, ademais de reflexións sobre a relación entre o colectivo e o ámbito científico, ligazóns a outras fontes con contidos moi interesantes. Atopei este sitio a través do artigo La Ciencia Sale Del Armario [https://hipertextual.com/2017/06/orgullo-lgtb-ciencia], no que podedes saber máis sobre unha personaxe máis que destacable: Sally Ride, terceira muller en saír ao espazo exterior, lesbiana.

Navegando de ligazón en ligazón, atopo o seguinte artigo no que se comenta brevemente a biografía dalgunhas persoas LGTB con traxectoria salientable nos ámbitos da ciencia e as comunicacións: Ciencia Y Tecnología Lgtbiq+ Para Un Mundo Multicolor [https://www.nobbot.com/personas/lgtbiq-orgullocienciatecnologia/]. Outros científicos LGTB máis de a pé, explican como foi a experiencia da súa propia visibilización dentro das institucións nas que investigan no artigo ¿Dónde Están Todos Los Científicos Lgbt? Sexualidad E Identidad De Género En La Ciencia [https://www.scienceinschool.org/es/content/%C2%BFd%C3%B3ndeest%C3%A1n-to.... Por último, chego a un xenial artigo en inglés: 'No Sexuality Please, We're Scientists' [https://www.chemistryworld.com/opinion/no-sexuality-please-were-scientis..., no que David Smith, profesor de química na University of York, homosexual, reflexiona sobre o conveniente que sería que os científicos saísen do armario.

Pouco queda por engadir despois de ler todo o contido dos artigos aos que fago referencia. Gustaríame só facer unha reflexión na que me parece necesario insistir. Un dos argumentos máis frecuentes á hora de censurar a visibilidade da comunidade LGTB en calquera ámbito profesional é que a orientación sexual das persoas é algo privado que a ninguén lle interesa. Este argumento parte da asunción de que realmente descoñecemos a orientación sexual das persoas, o cal non é certo. Pese a todo o avanzada que está a nosa sociedade, seguimos a atribuír a condición de heterosexual a todos e a todas, por defecto. Tal vez chegado ese idílico día no que ninguén asuma a heterosexualidade do que ten diante, poida deixar de ser necesaria a visibilidade expresa da minoría. Mentres tanto, a visibilizarse!