Xiao Varela anuncia que a rehabilitación da Comandancia de Obras poderá comezar “de forma inmediata”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 30/05/2018 - 00:36 / Etiquetas: concello da coruña, Comandancia de Obras

 

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, avanzou este martes que as obras previstas na antiga Comandancia poderán comezar a abordarse de xeito inmediato, unha vez que a acta de replanteo entre o Ministerio de Fomento, a UTE adxudicataria das obras, e a dirección facultativa de seguridade e saúde, foi asinada esta mesma tarde. Os traballos, que foron adxudicados polo departamento do goberno central que e teñen un orzamento de adxudicación de preto dun millón de euros, servirán para rehabilitar o espazo, que albergará o proxecto das Naves do Metrosidero, equipamento de titularidade municipal dedicado á veciñanza e, especialmente, á mocidade.

Segundo indica o responsable da área de Rexeneración Urbana, está previsto que as obras comecen coas actuacións necesarias para asegurar o perímetro, para seguir polas cubertas das naves que serán rehabilitadas. “As obras non puideron comezar no período que estaba previsto, en xaneiro, debido a que os terreos estaban a ser utilizados polos e polas ocupantes da Comandancia. Non obstante, esta mesma tarde, e unha vez que o espazo foi recuperado polo Concello como ben de dominio público que é, produciuse a sinatura da acta de comprobación do replanteo, que acredita a dispoñibilidade de edificios e terreos para poder obrar”, comentou. A citada acta tamén especifica que a compañía adxudicataria, unha vez inspeccionado o terreo, entende que as obras proxectadas “son plenamente executables, polo que poden ser iniciadas de forma inmediata”.

“A realización destas obras de renovación, unida á cesión definitiva da parcela e os inmobles da Comandancia ao Concello, permitirá á Administración local impulsar a creación dun novo equipamento público cidadán que, ademais de dar servizo a un colectivo específico, como é o da mocidade, servirá para dinamizar toda a contorna”, salientou o concelleiro. As obras sufragadas por Fomento contemplan a rehabilitación de tres dos edificios da Comandancia. A intención do goberno local é que, rematadas as obras e posto en marcha o proxecto das Naves do Metrosidero, cada un deles desenvolva distintos usos, con vontade de confluír en espazos comúns de convivencia e integración.