Xustiza Social destina 100.000 euros a unha nova convocatoria do programa ‘Ao meu xeito’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 22/05/2018 - 12:39 / Etiquetas: concello da coruña, Ao meu xeito
Foto: Concello da Coruña

 

 

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou esta mañá no Pazo de María Pita unha nova convocatoria do programa Ao meu xeito, iniciativa posta en marcha no pasado exercicio e que ten como finalidade acompañar e dar autonomía tanto a comunidade escolar como aos centros educativos de cara ao impulso e organización de actividades que se adapten ás necesidades do alumnado. Tal e como destacou a concelleira, responsable da área municipal de Educación, trátase da segunda edición dunha proposta “que promove a participación e autogoberno dos centros de ensino, así como das ANPA e do conxunto da comunidade escolar, ao propor iniciativas que atenden ás necesidades reais das alumnas e alumnos”. “Desde o goberno da Coruña estamos convencidas de que os centros docentes deben ser auténticas escolas de democracia, onde prime a reflexión e os acordos en común sexan unha estratexia habitual na construción da educación desta cidade. Nese camiño as administracións non só debemos acompañar, senón tamén ofrecer ferramentas para que os centros poidan avanzar”, aseverou a responsable municipal.

O programa, ao que o executivo local destinará até un máximo de 100.000 euros, está dirixido as escolas infantís municipais (EIM), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP), centros de Educación Especial (CEE), centros integrados de Formación Profesional (CIFP), institutos de Ensino Secundario (IES), conservatorios de danza (CDAN), conservatorios de música (CMUS), escolas de arte (EASD), centros públicos de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) e escolas de música (ESMU) do concello da Coruña. Nesta primeira convocatoria de 2018, as actividades susceptibles de ser realizadas no marco do programa deberanse vincular á celebración do fin de curso escolar, e poderán consistir na contratación de representacións artísticas --teatro, música, danza-- ou outras que teñan unha finalidade lúdico-educativa. A área de Xustiza Social achegará até un máximo de 1.500 euros por centro educativo para o financiamento das propostas.

Na pasada edición de Ao meu xeito , un total de 38 centros de ensinanza da cidade promoveron 105 accións educativas, entre as que se incluíron concertos, obras de teatro, obradoiros de xogos artesanais, sesións de animación á lectura, charlas, conferencias ou actividades deportivas. “Tendo presente o éxito da primeira experiencia, desde a área de Xustiza Social avogamos por abrir unha nova convocatoria neste 2018 para seguir avanzando en favorecer a autonomía dos centros escolares”, defendeu a concelleira, quen lembrou que estes, que xa foron informados nas pasadas semanas da presente convocatoria, deberán contar coa aprobación do consello escolar antes de remitir as súas propostas por correo electrónico ao Servizo Municipal de Educación, no enderezo educacion@coruna.es . A data límite para presentalas será o 31 deste mes de maio. O Concello aprobará todos aqueles proxectos que cumpran os requisitos solicitados --e que se poden consultar nas bases da convocatoria-- e que, ao estar vinculados ao fin de curso escolar, deberanse realizar antes do 22 de xuño.

Renda Social Municipal

Preguntada polos medios de comunicación, a responsable municipal de Xustiza Social e Coidados lembrou que a Renda Social Municipal é unha medida que está a axudar a numerosas unidades familiares da cidade, e que conta a esta data con 182 rendas activas. “Como xa adiantamos con anterioridade, estamos a revisar a ordenanza para mellorala. Unha vez que a Renda Social conta cun tempo de experiencia e práctica, realizaremos os axustes necesarios para mellorar o programa e poder axudar así a que un maior número de veciñas e veciños da Coruña vivan con máis dignidade”, explicou Cameán.